O castro do Santorcado

O castro do Santorcado, Santorcato ("o santo que leva o torque") ou Santrocado, tamén chamado nos arredores "O Coto", está no cumio do monte do mesmo nome, duns 550 metros de altitude sobre o nivel do mar, situado na marxe dereita do río Miño ao seu paso pola provincia de Ourense, entre Arrabaldo e Trasariz. 

Na parte máis alta do castro hai unha capela na que se celebraba unha concorrida festa, a romaría do San Torcado o 15 de maio, á que acudían os devotos das parroquias dos arredores do monte: San Cibrao das Las, Ourantes, Laias e Eiras, coas súas cruces e pendóns. 

San Torcato ou Trocado seica era bispo, e tamén un dos sete Varóns Apostólicos da tradición cristiá, xunto con Tesifonte, Segundo, Indalecio, Eufrasio, Esiquio e Cecilio. Parece que os Varons Apostólicos eran, xunto con Atanasio e Teodoro, discípulos directos do apóstolo Santiago. A eles se debe a traída do corpo do Apóstolo á Gallaecia nunha barca de pedra (que transportaba pedra, minerais... seguramente inspirada a lenda nas rutas de comercio cara o Mediterráneo)

Todos foron perseguidos por non darlle culto aos deuses oficiais, entre eles a Xúpiter, o deus ao que os habitantes de Lámbrica lle inscribiran unha adicatoria, ou ofrenda, nunha peneda da súa citania.

As primeiras ocupacións coñecidas do castro do Santorcado, ou Santrocado, enmárcanse entre o Bronce final e a Idade do Ferro inicial, o que podiamos situar entre os séculos VII e VI antes de Xesucristo, época da que podemos destacar a aparición de restos de fogar decorado no antecastro e dunha "punta de lanza de bronce composta por unha folla lanceolada de nervo central e unha lingüeta con dúas perforacións dispostas en sentido lonxitudinal" (FARIÑA BUSTO e XUSTO RODRÍGUEZ). Estes autores tamén se refiren aos restos dun vaso carenado de tradición Alpiarça

Aínda que o castro fose datado entre os séculos VII e VI antes de Cristo, podemos supor que as ocupacións humanas son moi anteriores por aquelas terras, xa que se trata dun fito territorial, a máxima altura da contorna. Enlazaría esta primixenia ocupación coa estación paleolítica da Chaira, que se comprobou na mesma ladeira occidental da citania de Lámbrica.

Sería posiblemente na época do Bronce cando se comezaron a realizar traballos mineiros metálicos nos arredores, ao sur do propio Santrocado (Laias, Razamonde) e nos montes de Xinzo e da Ermida e das Múas en Eiras, onde, asociados aos filóns de cuarzo, extraíase casiterita, mineral de estaño, e ouro. Hai que recordar que o estaño forma parte da aleación do bronce, xunto co cobre, polo que estaríamos a falar dun mineral estratéxico naquela época, moi buscado polos pobos do ámbito mediterráneo. Non é necesario falar da importancia do ouro.

Nas inmediacións do alto do monte tamén se observaron indicios dalgún enterramento individual en pequeno dolmen ou cista, formado por laxas verticais que forman un edículo de planta rectangular orientado de leste a oeste. Non conserva a laxa horizontal ou superior. Este tipo de estruturas funerarias poden suporse da Idade do Bronce, anteriores, por tanto, ao castro propiamente dito. 

O castro foi moi modificado por obras de aparcamento e lecer. A súa superficie pode acadar 1,70 hectáreas. Podemos salientar a muralla máis exterior, occidental e meridional, da que se conservan os lenzos derrubados. É a parte máis visible.  

Arredor da capela, pero só pola súa parte occidental, existe outro lenzo de muralla castrexa, máis interior que o anterior. Este pequeno lenzo atópase a uns 10 ou 15 metros da ermida. 

Non é difícil atopar fragmentos de cerámica. 


Aliñamento arqueoastronómico

Na capela foi observada unha inquietante coincidencia arqueoastronómica, unha liña que une o punto de solpor do solsticio de inverno co punto de abrente do solsticio de verán e dúas penedas singulares con pías. Enriba da traxectoria desa liña situaron a actual ermida do San Trocado, de xeito que a liña arqueoastronómica pasa exactamente polo centro da ábsida. 

A primeira peneda está a rentes da parede leste da capela, contendo unha ampla pía natural. A pedra contén signos de marcas territoriais. No esquema sinálase como "Peneda A". 

A segunda peneda implicada no aliñamento atópase no chan, a escasos metros da capela e en dirección suroeste. Ten unha profunda pía, que fai pensar nalgún elemento vertical que poidera sosterse nela. No esquema sinálase como "Peneda B".

O aliñamento ten que ser anterior á construción da ermida, xa que os eventos astronómicos (solpor solsticial de inverno ou abrente solsticial de verán) agora non son visibles desde a peneda máis alonxada do sol. A capela interrompe a liña visual, pero a liña imaxinaria que une as dúas penedas cos puntos de solpor solsticial de inverno e de abrente solsticial de verán pasa polo centro da ábsida do templo, xusto no centro do lugar onde se situaba o altar.


A liña que se acaba de describir é, curiosamente, a prolongación da observación feita no Abeiro do Raposo, en Amoeiro, por GARCÍA QUINTELA e SANTOS ESTÉVEZ, tamén nos días de solsticio de inverno, cando é posible ver ocultarse o sol por enriba do cumio do Santrocado, entrando no abeiro por unha fenda, á vez, a luz directa dun raio alumeando un singular petroglifo. Hai quen sostén que o petroglifo do Abeiro do Raposo reproduce a silueta ou o perfil do monte do Santorcado.

A situación privilexiada do monte do Santorcado, ou Trocado, con moderada altitude sobre a contorna, outórgalle a singularidade de ser un mirador privilexiado sobre o val do Miño, pero tamén un punto de referencia para os grupos humanos que o contemplaban dende a distancia. Referencia que pode implicar inquietudes relixiosas e de organización territorial ou política. Un centro común que vai más alá das divisións administrativas actuais.



Fotogalería do Santorcado

Na súa ladeira meridional situábase o xacemento do Castelo de Laias, ou das Laias, indiscutible centro de habitación e mineiro, moito máis antigo que a citania de Lámbrica. O xacemento de Laias foi derrubado en 1997 polas obras da autovía A-52. Fora investigado por CHAMOSO LAMAS, atopando tanques para o tratamento de minerais e un posible templo. Tamén falou de Laias (que eles chaman BarbantesCUEVILLAS en Prosas Galegas: 

"Por baixo mesmo das abas meridionais do monte do San Trocado, ábrese unha grande veiga, que hai dous mil anos había ser máis depósito de areas e de coíños que veiga na que se puidesen procurar canas de millo, vimbios e videiras. Estas terrazas eran daquela moi axeitadas para a explotación do ouro aluvial que arrastraban o Sil e mailo Miño, e un enxeñeiro de orixe francés, Louis Sauniez (sic), que fixo un estudo das vellas explotacións auríferas nas beiras dos dous ríos, sinalaba en Barbantes evidentes vestixios dun destes lavadeiros. Modernamente, entre o cume do San Trocado e a veiga de Barbantes, recoñecéronse ruínas dun poboado da época romana, con moitos elementos indíxenas (...)". 

Era o poboado mineiro do Castelo de Laias!

Outra serie de castros de menor entidade arrodean a este privilexiado xacemento do Santorcado: Castro Martiño, Eiras, Beariz, Ourantes, Salamonde... Pero, entre todos eles, sobresae pola súa monumentalidade a citania de Lámbrica ou de San Cibrao das Las, "A Cidade", ao norte e a escasa distancia do cumio do Santorcado. Os castros do Santorcado e de San Cibrao das Las forman un só conxunto, pois Lámbrica dificilmente sería defendible polo Sur, de non ser a través de puntos de vixiancia situados no propio cumio do Santorcado, con amplísima visibilidade sobre o val do río Miño, dende Arrabaldo ata Castrelo.

Nas inmediacións da propia Citania de Lámbrica (castro de San Cibrao das Las) existe un penedo que ten gravado un perfil do monte do Santorcado.

Na cima da croa da mesma citania atopamos outro penedo pequeno, inmediato á muralla do recinto central pola súa parte interior, que recorda na súa silueta ao monte do Santorcado. En tal penedo foi insculpida unha dedicatoria a Xúpiter, IOVI, unha segura romanización dun culto anterior, posiblemente tamén relacionado cos montes e coas tormentas.

Non deixa de ser curioso que o actual titular da capela do Santorcado, ou Santrocado, siga sendo, nas crenzas populares, un protector ou avoghoso contra o raio e o pedrazo ou saraiba.

Iste penedo e o seu compañeiro xa debían estar naquel lugar antes de construírse a muralla do recinto central da citania, sendo respectada a súa ubicación, seguramente por motivacións relixiosas que, ás veces, pesan máis que as propias pedras.

Unha lenda do Castro Martiño, en Xinzo (Eiras), fala dunha mina que contén unha serpe que, baixo terra, chega ata a 'Cidade'. Pero, curiosamente, para os informantes de Xinzo, a 'Cidade' non era a coñecida Cidade de San Cibrao das Las, senón que o era o castro do Santrocado, dándolle a mesma "categoría" ao castro do Santorcado e á citania de San Cibrao das Las.

En síntese, o monte do Santorcado é un referente, un fito territorial para toda a contorna, no que os habitantes dese espazo e de todos os tempos puxeron os seus ollos para tratar de darlle sentido á súa propia existencia.

Na Gran Enciclopedia Galega, na voz "San Amaro", dise que "Del coto de San Trocado, que está a poca distancia del Sur de A Cidade y también en el municipio de Punxín, proceden objetos de hierro recogidos de antiguo e interpretados como instrumentos de labranza". 

"Las cerámicas de tipo castreño, tanto lisas como decoradas, afloran frecuentemente, así como molinos y otras piezas líticas. Conserva restos de varios lienzos de muralla y ha sido bastante destruido con la repoblación forestal. En su parte alta (550 m.) se enclava la capilla del santo homónimo, en honor del cual se realizaba el 15 de mayo la bendición de los campos de Galicia en una curiosa romería presidida por el párroco de Las y en la que participaban las cuatro parroquias colindantes. Sobre el yacimiento existe documentación medieval y moderna y no es de descartar la presencia de algún asentamiento posterior al castreño con fines de control del territorio.

A presidencia do párroco de San Cibrao das Las na bendición dos campos pode ser unha reminiscencia do poder que, antes da cristianización e da división parroquial, chegou a alcanzar aquel territorio sobre os colindantes, xa que na actual parroquia de San Cibrao das Las estaba boa parte da citania de Lámbrica.

CUEVILLAS fálanos en Prosas Galegas de que 

"os antigos núcleos de poboación tiñan un centro relixioso común que era o adicado ó deus da guerra chamado Bandua, emprazado no cumio do Santrocado. A el debían concorre-las xentes dos castros veciños para celebra-las cerimonias dun culto común, que quizais tivese tamén un carácter político." 

O monte do Santorcado representa actualmente un claro exemplo de abandono institucional e de agresión -ambiental e mecánica- do home galego cara o seu patrimonio. As repoboacións forestais con monocultivo, as talas indiscriminadas, os cortalumes ou devasas, as omnipresentes pistas cos seus asfaltados, os traballos con maquinaria pesada, mesmo no propio recinto do castro, con obras agresivas de todo tipo, maiormente públicas... 

A toda esta listaxe aínda temos que engadir a total despreocupación polo patrimonio que mostran as autoridades, pero tamén os veciños, o que conleva a inexistencia de escavacións, estudos, publicacións e actividades de divulgación que puideran redundar nun maior coñecemento da riqueza arqueolóxica do monte máis emblemático do Miño central, tan próximo á citania de Lámbrica, pra contribuír á creación dunha maior riqueza económica pra o futuro desta terra, secularmente tan rica como maltratada. 



 Bibliografía

FARIÑA BUSTO, F.; XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do Santrocado (San Amaro-Punxín-Ourense)" en Arqueoloxía-Informes-2, Campaña 1988. Consellería de Cultura. Xunta de Galicia. A Coruña. 1991.
CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)" en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV. Páx. 114-130. Ministerio de Educación Nacional. Dirección General de Bellas Artes. Madrid, 1956.
VVAA: Gran Enciclopedia Gallega. Vol. XXVII, voz San Amaro. Santiago de Compostela / Gijón. 1974.
CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Galaxia. Vigo. 1982.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense", en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009.


© F. González Iglesias. Outubro de 2018-maio de 2020.
Todos os dereitos reservados. Non está permitida a utilización da información orixinal, textual, audiovisual ou gráfica desta páxina web.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar