LAMBRICA
A citania de San Cibrao das Las e Ourantes, en Ourense
Preludio
A cidade da Idade do Ferro, ou citania, de Lambrica, situada nas parroquias de San Cibrao das Las e Ourantes, entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, é o mesmo xacemento coñecido popularmente como "castro de San Cibrán de Las", aínda que sería máis correcto chamarlle citania de San Cibrao das Las e Ourantes ou, se se prefire, Lambrica.
A citania de Lambrica está considerada como unha das máis importantes e maiores de Galiza, pois supera as nove hectáreas de superficie, só comparable na súa extensión con outras grandes citanias da península ibérica.
Pero, nin a citania nin a súa ampla contorna, unha rica zona arqueolóxica duns quince ou vinte quilómetros cadrados, obtiveron a suficiente atención por parte das administracións culturais, o que conlevou a perda irreparable de importantísimos vestixios arqueolóxicos.
Os habitantes actuais dos arredores do xacemento arqueolóxico de Lámbrica coñéceno co nome da Cidade. Pero o nome esquecido de Lambrica está nunha ara romana dedicada a Bandua, que foi atopada nun lugar con restos de poboamento romano: a aldea de Eiras, a pouco máis dun quilómetro, ao suroeste, da citania das Las e Ourantes.
Esta ara tivo incribles lecturas diverxentes, nas que, curiosamente, se estaba de acordo en que a verba que acompañaba ao nome da divindade, BANDUA, con culto moi extendido por toda a Lusitania e polo sur da Gallaecia antes xa da chegada dos romanos, daba información sobre o topónimo castrexo da Cidade da Chaira, a citania de San Cibrao das Las e Ourantes.
Ese posible topónimo considerouse como *Lansbrica ou *Lansbriga, xustificándose tamén con el, penso que erroneamente, a orixe do topónimo moderno da parroquia das Las, coñecido a inicios do século XV como San Çibrao das Lââs, pero presente nun documento de 1221 do Mosteiro de Oseira como Sancti Cipriani Ellanis.
En 1760, en documentación de comprobación de bens para o establecemento da Única Contribución, a parroquia aparece nomeada como San Ziprián das Las.
Non parece que o topónimo presente na ara teña nada que ver co nome da parroquia de San Cibrao das Las.
Outros topónimos que se chegaron a ver no epígrafe da ara de Eiras son *Lanobriga e *Alaniobriga. As diverxencias na súa lectura derivaron, ademais da propia erosión da pedra, da inaccesibilidade da mesma aos investigadores que, máis dunha vez, tiveron que conformarse con ver fotografías ou, mesmo, cunha copia de xeso que existía no Museo Arqueolóxico provincial de Ourense.
As visitas feitas á ara en xuño de 2007 e as fotografías realizadas non serviron para corroborar ningunha das lecturas anteriores. O que alí se leu foi BANDV / R? LAMB / RICAE... Bandua con referencia a Lámbrica, topónimo que se le entre a segunda e a terceira liña na inscrición. Podería ter o significado de Cidade Forte de Lam.
Castro ou citania?
Castro deriva do latín `castrum´ e significa castelo, fortificación. En plural, 'castra´ ten o significado de campamento. Non debemos confundir os castros galaicos da Idade do Ferro cos castra, campamentos que os romanos establecían nas campañas militares con catro divisións principais derivadas das dúas vías maiores, cardo e decumanus, o primeiro de norte a sur e o segundo de leste a oeste. Algúns destes castra (plural de castrum) deron orixe a cidades, sendo o caso máis coñecido o de León.
As fortificacións denominadas castrexas, presentes no mundo occidental dende principios da Idade do Ferro, non posúen esa disposición regular e ortogonal romana con dúas vías principais que se cruzan no centro. Ao contrario, a planificación das grandes citanias parece obedecer a unha disposición radial nas súas rúas.
O topónimo castro, moitas veces tamén microtopónimo, está estendidísimo, pero só é romano o nome. Os establecementos defensivos dos pobos do noroeste da península ibérica son anteriores á chegada dos romanos, que, ao igual que impoñen o seu idioma e a súa relixión, dan tamén nome ás fortificacións que atopan, que pouco teñen que ver coas súas en canto á súa morfoloxía.
Denomínase habitualmente como "época castrexa" á que xorde no noroeste da península ibérica cara os séculos V e IV antes de Xesucristo, ou incluso antes, e que remata coa dominación romana, aínda que algúns destes poboados fortificados deberon seguir sendo habitados ata os séculos I ou II despois de Cristo, mostrando signos de romanización.As nosas citanias xa existían antes de Roma, adquirindo máis relevancia no contexto da defensa da invasión, aínda que nalgunhas chegaron a establecerse pactos ou acordos cos romanos, convivindo e incluso aliándose con eles. A orixe das citanias podemos rastrexala na Segunda Idade do Ferro, en consoancia coas fortificacións erixidas noutros países europeos, a partir dos séculos V e IV antes de Xesucristo.
Os recén chegados van acaparando os recursos económicos das zonas que van ocupando, aínda naquelas onde a chegada se produce de xeito pacífico. As citanias que non se destrúen, e aquelas que se reconstrúen de novo, seguirán utilizándose coa súa disposición tradicional, aínda que obedecendo aos mandados e ás esixencias dos novos amos.
Lambrica, reconstruída posiblemente en época romana, mantén a planificación indíxena. Constitúe o paradigma do poboamento, que poderiamos chamar protourbano, na denominada época castrexa do Noroeste peninsular, cunha chamativa planificación das súas defensas e cunha coidada distribución das súas vivendas e obradoiros. Ten forma ovalada, cun recinto central e outro concéntrico ou anular con rúas radiais. Dúas destas rúas, lousadas, comunican as entradas oriental e occidental da citania coas respectivas portas do recinto central
É morfoloxicamente moi diferente a cada un dos pequenos castros, que, a modo de constelación, a arrodean. Os "castros" son de pequeno tamaño, con defensas na maioría dos casos moi febles. Deron orixe a moitas das aldeas que podemos ver hoxe: Ourantes, Castro Martiño, Beariz, Veiga...
Lansbrica?
O Centro de Interpretación de San Cibrao das Las, promovido polas autoridades culturais autonómicas e municipais, leva o nome de *Lansbrica, topónimo ideado en 1973 por RIVAS FERNÁNDEZ e de notable éxito popular. A concesión da explotación do pequeno museo que alí se alberga contribúe a divulgar o nome de *Lansbrica en todas as súas manifestacións públicas, anuncios, carteis, redes sociais e prensa.
Non é una boa nova para a Arqueoloxía, moito menos dende un centro que tenta divulgar o coñecemento que temos das sociedades antigas, pero podemos entendelo mellor se pensamos que procede das actuacións das mesmas autoridades culturais que permitiron o valado dun monte comunal, para poder cobrar entrada, que permitiron a desaparición case total do poboado do Castelo de Laias e que teñen no máis ignoto esquecemento o documento epigráfico protagonista desta historia de topónimos: a ara de Bandua de Eiras, abandonada á súa sorte nun pazo xa varias veces vendido.
Ademais da reivindicación do nome de LAMBRICA, é imprescindible deixar constancia de que un castro ou citania de tal magnitude non puido xurdir sen interrelación co espazo circundante. Existen, nun radio de poucos quilómetros arredor de Lambrica vestixios de enorme importancia que a arqueoloxía oficial ignora e que -dun xeito ou doutro- formaron parte dese universo da prehistoria e da protohistoria local que presidiron a citania e o monte do San Torcado. A situación é tan alarmante que algúns deles corren serio perigo de desaparecer, caso excesivamente curioso naqueles que só se atopan a uns poucos centos de metros da propia Lámbrica, custodiada, a través dunha empresa privada, pola propia administración cultural.
A ara de Eiras
Eiras é unha aldea ourensá no concello de San Amaro, distante menos de dous quilómetros de San Cibrao das Las, onde está unha das citanias máis espectaculares do noroeste peninsular.
En Eiras apareceu unha ara romana adicada a Bandua, fonte epigráfica que foi vítima de interpretacións excesivamente diverxentes na lectura da súa inscrición.
A ara, labrada en granito e de propiedade privada, constitúe unha peza de grande importancia para o estudo da sociedade e da relixión no mundo romanizado da península ibérica.
Adicada á divindade BANDUA, presenta un epígrafe nunha soa cara. A inscrición está escrita en latín con letra capitalis rustica, en cinco liñas que diminúen moi lixeiramente en altura de arriba a abaixo. Na base de datos Hispania Epigraphica está catalogada como altar votivo co número 16708.
A primeira publicación interpretando o epígrafe fíxose en 1968 con JOAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ (Xocas) en Inscripciones Romanas de Galicia IV, onde se presenta a fotografía dun baleirado de xeso e se dan as seguintes medidas: "alto: 0,44; ancho: 0,28; letras: 0,06". A lectura que realiza é a seguinte: "BANDV/A IANOE/LICA FAE/NIRVSAE/ ARAM V(otum) S(olvit)". A ara estaba no exterior, seguramente dende había séculos, debaixo dunha mesa de pedra. A incomodidade para o acceso a inscrición debeu influír no resultado da lectura. Segue a dicir LORENZO FERNÁNDEZ que...
"Apareció hace ya tiempo en aquellas inmediaciones, en las que es de advertir que se encuentran los castros de San Cibrán y de Eiras, ambos muy romanizados; en la última localidad se hallan con frecuencia tejas, pondus y otros restos que demuestran la existencia de habitaciones romanas".
Non hai datos arqueolóxicos que confirmen o lugar de aparición da ara de Eiras. Por iso tampouco está datada. A súa ubicación estivo sempre ligada á pequena aldea de Eiras. A súa proximidade ao castro de San Cibrao das Las e Ourantes fainos supor que a aldea de Eiras debeu ser en algún momento dependente política e administrativamente dos moradores na citania de Lambrica.
En Eiras, ademais de restos dun mosaico e de tegulae (tellas) romanas, existen uns curiosos perpiaños con decoración reticulada nos muros da igrexa. Non coñecemos a súa función primitiva, pero existen paralelismos moi cercanos no Formigueiro (Amoeiro) e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última, curiosamente, outra villa romana.
CHAMOSO LAMAS escribe en 1954, falando de Eiras:
"(...) en el atrio de cuya iglesia descubrimos en 1946 grandes "tégulas" romanas recogidas allí mismo por el sacristán, que desconocía su importancia; y en el huerto y viña de la casa rectoral, contigua a la iglesia, hallamos los trozos cerámicos de vasijas de tipo indígena, ya romanizado, que más bella y original decoración presentan de cuantos conocemos en Galicia.
Poco más adelante, entre los restos profanados de una "mámoa", recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense."