O castro do Santorcado

O castro do Santorcado ("o santo que leva o torque") ou Santrocado, tamén chamado nos arredores "O Coto", está situado na marxe dereita do Miño central, na provincia de Ourense.

As primeiras ocupacións coñecidas do castro do Santorcado, ou Santrocado, enmárcanse entre o Bronce final e a Idade do Ferro inicial, o que podiamos situar entre os séculos VII e VI antes de Xesucristo, época da que podemos destacar a aparición de restos de fogar decorado no antecastro e dunha "punta de lanza de bronce composta por unha folla lanceolada de nervo central e unha lingüeta con dúas perforacións dispostas en sentido lonxitudinal" (FARIÑA BUSTO e XUSTO RODRÍGUEZ). Estes autores tamén se refiren ós restos dun vaso carenado de tradición Alpiarça.

Pero, cando se realizan labores de movemento de terras, e se paseamos polo lugar, podemos atopar microlitos de cuarzo, o que nos levaría a pensar en ocupacións nesa zona dentro dun amplo abano cronolóxico dende o Neolítico recente, arredor do IV milenio antes de Cristo, ata finais da Idade do Bronce, cara o ano 900 a. d. Cristo. Hai que subliñar que nas inmediacións só hai formacións graníticas e non existen filons de cuarzo, polo que tivo que ser traído dalgún lugar relativamente alonxado, non menor de dous quilómetros.
A presenza destes microlitos nun castro datado entre os séculos VII e VI antes de Cristo dános a entender que as ocupacións humanas son moi anteriores por aquelas terras, o que enlazaría coa estación paleolítica da Chaira, na mesma ladeira occidental da citania de Lámbrica.
A extracción de cuarzo para a fabricación de útiles debeu de ser, pois, a primeira "minaría" que se practicou na zona, pois o cuarzo é moi abundante nas ladeiras meridionais do Santrocado, na zona de Laias, case á beira do río Miño, e nos montes da Ermida en Eiras, a dous ou tres quilómetros do Coto.
Sería posiblemente na época do Bronce cando se comezasen a realizar traballos mineiros "metálicos" nos arredores, ao sur do propio Santrocado (Laias, Razamonde) e nos montes de Xinzo e da Ermida e das Moas en Eiras, onde, asociados aos filóns de cuarzo, extraíase casiterita, mineral de estaño, e ouro. Hai que recordar que o estaño forma parte da aleación do bronce, xunto co cobre, polo que estaríamos a falar dun mineral estratéxico naquela época. Non é necesario falar da importancia do ouro.
Nas inmediacións do alto do monte tamén se observaron indicios dalgún enterramento individual en pequeno dolmen ou cista, formado por laxas verticais que forman un edículo de planta rectangular orientado de leste a oeste. Non conserva a laxa horizontal ou superior. Este tipo de estruturas funerarias poden suporse da Idade do Bronce, anteriores, por tanto, ao castro propiamente dito. 

Centrándonos na estrutura do castro, podemos salientar a muralla máis exterior, occidental e meridional, da que se conservan os lenzos derrubados polos lados sur e oeste. Destacar que é relativamente fácil atopar restos de cerámica en superficie.
A superficie do castro, moi modificada por obras de aparcamento e de lecer, pode acadar 1,70 hectáreas. No seu cumio existe unha capela onde se celebraba unha concorrida, en tempos, romaría ao San Torcado, o 15 de maio, á que acudían os devotos das parroquias dos arredores do monte: San Cibrao das Las, Ourantes, Laias e Eiras. 

Na capela foi observada unha inquietante coincidencia arqueoastronómica, unha liña que une o solpor do solsticio de inverno co nacente do solsticio de verán, indicada por dúas pequenas penedas con pías. Enriba da traxectoria desa liña situaron a actual capela do San Trocado, Torcado ou Torcato, compañeiro de Tesifonte, Segundo, Indalecio, Cecilio, Esiquio e Eufrasio, os Sete Varóns Apostólicos da tradición cristiá). 

Pois ben, esa liña arqueoastronómica que trazan as dúas penedas e que une imaxinariamente o punto de saída do Sol no solsticio de verán, e o punto de solpor no solsticio de inverno, pasa exactamente polo centro da ábsida da capela, a parede na que se sitúa o altar. 

A segunda peneda con profunda pía, implicada no aliñamento, atópase no chan, a escasos metros da capela e en dirección suroeste.

Arredor da capela, só pola súa parte occidental, existe outro lenzo de muralla castrexa, máis interior que o meridional e occidental xa descrito. Este pequeno lenzo pódese observar a uns 8 ou 10 metros. 

A súa situación privilexiada, a 550 metros de altitude, outórgalle ó monte do Santrocado a singularidade de ser un mirador privilexiado sobre o val do Miño. Na súa ladeira meridional situábase o xacemento do Castelo de Laias, ou das Laias, derrubado polas obras da autovía A-52. 

Cuevillas, en Prosas Galegas, di que "Por baixo mesmo das abas meridionais do monte do San Trocado, ábrese unha grande veiga, que hai dous mil anos había ser máis depósito de areas e de coíños que veiga na que se puidesen procurar canas de millo, vimbios e videiras. Estas terrazas eran daquela moi axeitadas para a explotación do ouro aluvial que arrastraban o Sil e mailo Miño, e un enxeñeiro de orixe francés, Louis Sauniez, que fixo un estudo das vellas explotacións auríferas nas beiras dos dous ríos, sinalaba en Barbantes evidentes vestixios dun destes lavadeiros. Modernamente, entre o cume do San Trocado e a veiga de Barbantes, recoñecéronse ruínas dun poboado da época romana, con moitos elementos indíxenas (...)". Era o poboado mineiro do Castelo das Laias... 

Ademais, outra serie de castros de menor entidade arrodean a este privilexiado xacemento do Santrocado: Castro Martiño, Eiras, Beariz, Ourantes, Salamonde... Entre todos eles destaca pola súa monumentalidade a citania de Lámbrica de San Cibrao das Las, "A Cidade", ao Norte do Santrocado e a escasa distancia. Os castros de O Santrocado e de San Cibrao das Las forman un só conxunto, pois Las, Lámbrica, non sería facilmente defendible polo Sur, de non ser a través de puntos de vixilancia situados no propio cumio do Santorcado ou Santrocado.
Como anécdota, dicir que hai algúns anos escoitamos unha lenda en Xinzo, no Castro Martiño, onde se fala dunha mina que contén unha serpe que, baixo terra, chega ata a 'Cidade'. Pero, curiosamente, para os informantes de Xinzo, a 'Cidade' non era a coñecida de San Cibrao das Las, senón que era o castro do Santrocado.
Nas inmediacións da propia Lámbrica existe un penedo que ten gravado un perfil do monte do Santrocado. Non é o único petroglifo co perfil do Santrocado que se coñece gravado en pedra. No concello de Amoeiro foi estudado outro curioso gravado que está nun abeiro, O Raposo, do que se obtiveron importantes conclusións de temática arqueoastronómica.

Na citania de Lámbrica, na cima da croa, existe un penedo pequeno, inmediato á muralla pola súa parte interior, que recorda na súa silueta ao monte do Santrocado, visible dende ese lugar xa antes de erguer a muralla. En tal penedo foi insculpida unha dedicatoria a Xúpiter, IOVI, unha segura romanización dun culto anterior, posiblemente relacionado cos montes e coas tormentas. 

Na Gran Enciclopedia Galega, na voz San Amaro, dise que "Del coto de San Trocado, que está a poca distancia del Sur de A Cidade y también en el municipio de Punxín, proceden objetos de hierro recogidos de antiguo e interpretados como instrumentos de labranza. Las cerámicas de tipo castreño, tanto lisas como decoradas, afloran frecuentemente, así como molinos y otras piezas líticas. Conserva restos de varios lienzos de muralla y ha sido bastante destruido con la repoblación forestal. En su parte alta (550 m.) se enclava la capilla del santo homónimo, en honor del cual se realizaba el 15 de mayo la bendición de los campos de Galicia en una curiosa romería presidida por el párroco de Las y en la que participaban las cuatro parroquias colindantes. Sobre el yacimiento existe documentación medieval y moderna y no es de descartar la presencia de algún asentamiento posterior al castreño con fines de control del territorio.
CUEVILLAS fálanos de que "os antigos núcleos de poboación tiñan un centro relixioso común que era o adicado ó deus da guerra chamado Bandua, emprazado no cumio do Santrocado. A el debían concorre-las xentes dos castros veciños para celebra-las cerimonias dun culto común, que quizais tivese tamén un carácter político.
O monte do Santrocado representa un claro exemplo de abandono e de agresión -ambiental e mecánica- do home galego cara o seu patrimonio. As repoboacións forestais e as talas indiscriminadas, os cortalumes ou devasas, as omnipresentes pistas cos seus asfaltados, os traballos con maquinaria pesada, mesmo no propio recinto do castro, con obras agresivas de todo tipo, ao que temos que engadir a total despreocupación polo patrimonio por parte das autoridades, mesmo dos veciños, o que conleva a inexistencia de escavacións, estudos, publicacións e actividades que poderían redundar nun maior coñecemento da riqueza arqueolóxica do monte máis emblemático do Miño central, moi próximo á citania de Lámbrica, e nunha maior riqueza económica pro futuro desta terra, secularmente tan rica como maltratada. 

 Bibliografía

FARIÑA BUSTO, F; XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do Santrocado (San Amaro-Punxín-Ourense)" en Arqueoloxía-Informes-2, Campaña 1988. Consellería de Cultura. Xunta de Galicia. A Coruña. 1991.
CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)" en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV. Páx. 114-130. Ministerio de Educación Nacional. Dirección General de Bellas Artes. Madrid, 1956.
VVAA: Gran Enciclopedia Gallega. Vol. XXVII, voz San Amaro. Santiago de Compostela / Gijón. 1974.
CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Galaxia. Vigo. 1982.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense", en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009.