Arte rupestre en Lámbrica e arredores

No mesmo monte da citania de Lámbrica, a Cidade da Chaira, non lonxe da pedra de Xúpiter (IOVI) e das potentes murallas do grande poboado da Idade do Ferro situado entre San Cibrao das Las e Ourantes, puidemos, non sen sorpresa, fotografar a finais do verán de 2016, nos derradeiros días do mes de agosto e en horas próximas ao solpor, unha pedra que semellaba conter unha escena, mesturando posibles pinturas e gravados.

Hai que facer notar que, como acontece noutros petroglifos con grande desgaste, só poden ser percibidos en determinados días do ano, con certa luz e en determinada posición do sol no ceo. Afortunadamente chegamos á hora xusta e no día adecuado.
Vimos unha serpe ou ofidio á esquerda, claramente gravada, acompañado da silueta dun cérvido con gran cornamenta no centro e un antropomorfo á dereita, que parece levar algo na súa man. Tamén vimos evidencias dalgunhas liñas concéntricas gravados.
O cervo e o antropomorfo non se ven claramente gravados, existindo a posibilidade de que estivesen pintados.

En principio, a figura do antropomorfo pode recordar a outras representacións da arte esquemática da península ibérica, realizadas con procedementos pictóricos e presentes dende os finais do Neolítico ata os inicios da metalurxia, pero que poden sobrepasar ese marco cronolóxico.
Como exemplo da realización deste tipo de prácticas pictóricas, non tan alonxadas do Noroeste como se cree, podemos citar o descubrimento en 2011 de pinturas esquemáticas na zona do Bierzo, en Vega de Espinareda.
Máis apropiado a un xacemento da Idade do Ferro como é a citania de Lámbrica, podemos establecer paralelismos, seguindo co caso do antropomorfo, con outras pinturas da península ibérica, como as do guerreiro celtibérico estudadas en Mosqueruela, en Teruel. Este tipo de pinturas da Idade do Ferro podería datarse entre os séculos IV e II antes de Cristo.
Este achado en Lámbrica, ou citania de San Cibrao das Las, podería tratarse dun panel que combina insculturas e pinturas. Está inédito e non moi ben conservado, correndo serio perigo, coñecendo as tropelías que ao longo da nosa xeografía fan as máquinas desbrozadoras que a cotío limpan os nosos montes.
A temática e, posiblemente, a técnica do panel poderían ser novidosas en Galiza, polo que merecerían certa atención por parte das autoridades culturais. Paso previo sería a súa verificación e catalogación. 
Moi pretiño desta alucinante escena atopamos tamén algún petroglifo inciso que representa un puñal e, noutra peneda distinta, o que parece ser a representación do perfil do monte do Santorcado. Un paralelismo da representación do perfil deste monte témolo nas terras de Amoeiro, vinculado a un evento que se produce no Abeiro do Raposo nos solsticios de inverno. 
LÁMBRICA e os seus arredores estannos a ensinar que a súa importancia arqueolóxica pode ser moito maior da que se lle supón e que a cronoloxía do principal xacemento, a Cidade, pode retrotraerse algúns séculos das datas que se lle outorgan oficialmente. En Lámbrica xa estaba o home dende moito antes do "século I antes de Cristo", data repetida ata a saciedade pola arqueoloxía oficial, independentemente de que as estruturas conservadas dentro das murallas poidan ser desa cronoloxía, posiblemente debido a actividades de reconstrución ou replaneamento do poboado nesas datas do cambio de Era.
Espacialmente, o territorio vinculado a Lámbrica é moito máis extenso do que delimitan os muros do actual castro e dos aramados que locen arredor do centro de interpretación

As grandes citanias non teñen sentido se non hai un territorio circundante que aporte os recursos alimentarios que esas protocidades necesitaban. Ademais, esas citanias xorden en territorios nos que existía vida anteriormente con actividades socioeconómicas suficientes, sexan de tipo mineiro, agropecuarias ou de transformación (obradoiros).

As comunicacións terrestres coa contorna tamén poden darnos pistas sobre a actividade na citania. O camiño que sae da porta occidental pasa a rentes do cotarelo onde están os petroglifos e vai cara Cristimil, seguindo a dirección do Puzo do Lago, onde houbo minaría de ouro e das terras do Carballiño, onde tamén houbo actividade mineira. 

O camiño da porta oriental diríxese cara o sueste, pra baixar polo monte do Santrocado cara a Barca de Barbantes, onde habería un porto fluvial.
As primeiras manifestacións das actividades mineiras nesta contorna estarían máis centradas nas abas meridionais do Santrocado e poderían levarnos no tempo ao inicio dos metais (entre o segundo e o primeiro milenio antes de Cristo, para ser prudentes). A propia evolución social e económica veríase afectada polas novidades de grupos de xentes foráneas que irían chegando, demandando produtos estratéxicos ou de luxo que se atopaban por estas terras, coma o estaño e o ouro. 

Pouco a pouco formaríase, como pasa noutros lugares, un acervo cultural que, xunto coas novidades, iría adaptando as súas máis antigas tradicións, algunha das cales podería incluso remontarse ao Neolítico, permitindo que sobrevivan no tempo. Unha parte desas tradicións culturais anteriores á Idade do Ferro poderían estar representadas no panel de Lámbrica.

Na contorna hai máis exemplos de petroglifos. A menos de dous quilómetros deste achado están os petroglifos de Eiras, na peneda da Ermida, da que se notificou á Xunta a súa existencia, pois estaban inéditos. Pese a elo, continúan no mesmo abandono baixo toxos, xestas e piñeiros. A relevancia na contorna do outeiro das Las e Ourantes, onde se construirá a citania de Lámbrica semella estar presente xa no monte na Ermida entre o terceiro e o segundo milenio antes de Xesucristo.


* * *     * * *     * * *


Voltando de novo á Chaira, entre as Las e Ourantes, podemos supor que sería alí onde, a finais do primeiro milenio antes de X. C., se construirían as defensas e moitas das cabanas da actual citania, seguramente sobre outro poboamento anterior. Pero as evidencias din que a presenza do home na Chaira de San Cibrao das Las sobrepasaría cara atrás incluso ao propio Neolítico, do que nos dan fe os achados do Paleolítico, máis ou menos onde está agora o edificio do centro de interpretación, estudados por VILLAR QUINTEIRO: "utillaje propio del Paleolítico Superior con una frecuencia mayor, en el que se encuentran raspadores, toscos buriles, claros perforadores, además de piezas con retoque abrupto y escasos cuchillos de dorso, siempre atípicos"

Desa longa tradición, que pode proceder ata do Paleolítico, formaríase o substrato cultural que aflorou nun momento, aínda non determinado, entre o Neolítico e a Idade do Ferro, alumeando manifestacións artísticas coma as destes esquecidos petroglifos de Lámbrica que, sen dúbida, foron conservados polos habitantes da citania e que, sen querelo, atopamos nunha noitiña, preto do equinoccio de setembro, no lugar ao que os máis vellos chamaron A Silla do Rei.
Os petroglifos de Lámbrica e as posibles pinturas esquemáticas
, que soportaron agresións tan fortes coma as da instalación dunha antena ou as obras do centro de interpretación, seguen a esperar catalogación e, xunto cos demais gravados da contorna, un maior estudo, difusión e protección.


Fotogalería

© F. González Iglesias. Outubro de 2018-maio de 2020.
Todos os dereitos reservados. Non está permitida a utilización da información orixinal, textual, audiovisual ou gráfica desta páxina web.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar