LÁMBRICA

A citania de San Cibrao das Las e Ourantes, en Ourense

Preludio

A cidade da Idade do Ferro, ou citania, de Lámbrica, situada nas parroquias de San Cibrao das Las e Ourantes, entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, é o mesmo xacemento coñecido popularmente como "castro de San Cibrán de Las", aínda que sería máis correcto chamarlle citania de San Cibrao das Las e Ourantes ou, se se prefire, Lámbrica. 

A citania de Lámbrica está considerada como unha das máis importantes e maiores de Galiza, pois supera as nove hectáreas de superficie, só comparable na súa extensión con outras grandes citanias da península ibérica. 

Pero, nin a citania nin a súa ampla contorna, unha rica zona arqueolóxica duns quince ou vinte quilómetros cadrados, obtiveron a suficiente atención por parte das administracións culturais, o que conlevou a perda irreparable de importantísimos vestixios arqueolóxicos.

Os habitantes actuais dos arredores do xacemento arqueolóxico de Lámbrica coñéceno co nome da Cidade. Pero o nome esquecido de Lámbrica está nunha ara romana dedicada a Bandua, que foi atopada nun lugar con restos de poboamento romano: a aldea de Eiras, a pouco máis dun quilómetro, ao suroeste, da citania das Las e Ourantes. 

Esta ara tivo incribles lecturas diverxentes, nas que, curiosamente, se estaba de acordo en que a verba que acompañaba ao nome da divindade, BANDUA, con culto moi extendido por toda a Lusitania e polo sur da Gallaecia antes xa da chegada dos romanos, daba información sobre o topónimo castrexo da Cidade da Chaira, a citania de San Cibrao das Las e Ourantes.

Ese posible topónimo considerouse como *Lansbrica ou *Lansbriga, xustificándose tamén con el, penso que erroneamente, a orixe do topónimo moderno da parroquia das Las, coñecido a inicios do século XV como San Çibrao das Lââs, pero presente nun documento de 1221 do Mosteiro de Oseira como Sancti Cipriani Ellanis

En 1760, en documentación de comprobación de bens para o establecemento da Única Contribución, a parroquia aparece nomeada como San Ziprián das Las.

Non parece que o topónimo presente na ara teña nada que ver co nome da parroquia de San Cibrao das Las.

Outros topónimos que se chegaron a ver no epígrafe da ara de Eiras son *Lanobriga e *Alaniobriga. As diverxencias na súa lectura derivaron, ademais da propia erosión da pedra, da inaccesibilidade da mesma aos investigadores que, máis dunha vez, tiveron que conformarse con ver fotografías ou, mesmo, cunha copia de xeso que existía no Museo Arqueolóxico provincial de Ourense.

As visitas feitas á ara en xuño de 2007 e as fotografías realizadas non serviron para corroborar ningunha das lecturas anteriores. O que alí se leu foi BANDV / R? LAMB / RICAE... Bandua con referencia a Lámbrica, topónimo que se le entre a segunda e a terceira liña na inscrición. Podería ter o significado de Cidade Forte de Lam


Castro ou citania?

Castro deriva do latín `castrum´ e significa castelo, fortificación. En plural, 'castra´ ten o significado de campamento. Non debemos confundir os castros galaicos da Idade do Ferro cos castra, campamentos que os romanos establecían nas campañas militares con catro divisións principais derivadas das dúas vías maiores, cardo e decumanus, o primeiro de norte a sur e o segundo de leste a oeste. Algúns destes castra (plural de castrum) deron orixe a  cidades, sendo o caso máis coñecido o de León.

As fortificacións denominadas castrexas, presentes no mundo occidental dende principios da Idade do Ferro, non posúen esa disposición regular e ortogonal romana con dúas vías principais que se cruzan no centro. Ao contrario, a planificación das grandes citanias parece obedecer a unha disposición radial nas súas rúas.

O topónimo castro, moitas veces tamén microtopónimo, está estendidísimo, pero só é romano o nome. Os establecementos defensivos dos pobos do noroeste da península ibérica son anteriores á chegada dos romanos, que, ao igual que impoñen o seu idioma e a súa relixión, dan tamén nome ás fortificacións que atopan, que pouco teñen que ver coas súas en canto á súa morfoloxía.

Denomínase habitualmente como "época castrexa" á que xorde no noroeste da península ibérica cara os séculos V e IV antes de Xesucristo, ou incluso antes, e que remata coa dominación romana, aínda que algúns destes poboados fortificados deberon seguir sendo habitados ata os séculos I ou II despois de Cristo, mostrando signos de romanización. 

As nosas citanias xa existían antes de Roma, adquirindo máis relevancia no contexto da defensa da invasión, aínda que nalgunhas chegaron a establecerse pactos ou acordos cos romanos, convivindo e incluso aliándose con eles. A orixe das citanias podemos rastrexala na Segunda Idade do Ferro, en consoancia coas fortificacións erixidas noutros países europeos, a partir dos séculos V e IV antes de Xesucristo. 

Os recén chegados van acaparando os recursos económicos das zonas que van ocupando, aínda naquelas onde a chegada se produce de xeito pacífico. As citanias que non se destrúen, e aquelas que se reconstrúen de novo, seguirán utilizándose coa súa disposición tradicional, aínda que obedecendo aos mandados e ás esixencias dos novos amos.

Lámbrica, reconstruída posiblemente en época romana, mantén a planificación indíxena. Constitúe o paradigma do poboamento, que poderiamos chamar protourbano, na denominada época castrexa do Noroeste peninsular, cunha chamativa planificación das súas defensas e cunha coidada distribución das súas vivendas e obradoiros. Ten forma ovalada, cun recinto central e outro concéntrico ou anular con rúas radiais. Dúas destas rúas, lousadas, comunican as entradas oriental e occidental da citania coas respectivas portas do recinto central

É morfoloxicamente moi diferente a cada un dos pequenos castros, que, a modo de constelación, a arrodean. Os "castros" son de pequeno tamaño, con defensas na maioría dos casos moi febles. Deron orixe a moitas das aldeas que podemos ver hoxe: Ourantes, Castro Martiño, Beariz, Veiga...



Lansbrica?

O Centro de Interpretación de San Cibrao das Las, promovido polas autoridades culturais autonómicas e municipais, leva o nome de *Lansbrica, topónimo ideado en 1973 por RIVAS FERNÁNDEZ e de notable éxito popular. A concesión da explotación do pequeno museo que alí se alberga contribúe a divulgar o nome de *Lansbrica en todas as súas manifestacións públicas, anuncios, carteis, redes sociais e prensa.

Non é una boa nova para a Arqueoloxía, moito menos dende un centro que tenta divulgar o coñecemento que temos das sociedades antigas, pero podemos entendelo mellor se pensamos que procede das actuacións das mesmas autoridades culturais que permitiron o valado dun monte comunal, para poder cobrar entrada, que permitiron a desaparición case total do poboado do Castelo de Laias e que teñen no máis ignoto esquecemento o documento epigráfico protagonista desta historia de topónimos: a ara de Bandua de Eiras, abandonada á súa sorte nun pazo xa varias veces vendido.

Ademais da reivindicación do nome de LÁMBRICA, é imprescindible deixar constancia de que un castro ou citania de tal magnitude non puido xurdir sen interrelación co espazo circundante. Existen, nun radio de poucos quilómetros arredor de Lámbrica vestixios de enorme importancia que a arqueoloxía oficial ignora e que -dun xeito ou doutro- formaron parte dese universo da prehistoria e da protohistoria local que presidiron a citania e o monte do San Torcado. A situación é tan alarmante que algúns deles corren serio perigo de desaparecer, caso excesivamente curioso naqueles que só se atopan a uns poucos centos de metros da propia Lámbrica, custodiada, a través dunha empresa privada, pola propia administración cultural.

A ara de Eiras


Eiras é unha aldea ourensá no concello de San Amaro, distante menos de dous quilómetros de San Cibrao das Las, onde está unha das citanias máis espectaculares do noroeste peninsular. 

En Eiras apareceu unha ara romana adicada a Bandua, fonte epigráfica que foi vítima de interpretacións excesivamente diverxentes na lectura da súa inscrición. 

A ara, labrada en granito e de propiedade privada, constitúe unha peza de grande importancia para o estudo da sociedade e da relixión no mundo romanizado da península ibérica.

Adicada á divindade BANDUA, presenta un epígrafe nunha soa cara. A inscrición está escrita en latín con letra capitalis rusticaen cinco liñas que diminúen moi lixeiramente en altura de arriba a abaixo. Na base de datos Hispania Epigraphica está catalogada como altar votivo co número 16708.

A primeira publicación interpretando o epígrafe fíxose en 1968 con JOAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ (Xocas) en Inscripciones Romanas de Galicia IV, onde se presenta a fotografía dun baleirado de xeso e se dan as seguintes medidas: "alto: 0,44; ancho: 0,28; letras: 0,06". A lectura que realiza  é a seguinte: "BANDV/A IANOE/LICA FAE/NIRVSAE/ ARAM V(otum) S(olvit)". A ara estaba no exterior, seguramente dende había séculos, debaixo dunha mesa de pedra. A incomodidade para o acceso a inscrición debeu influír no resultado da lectura. Segue a dicir LORENZO FERNÁNDEZ que...

"Apareció hace ya tiempo en aquellas inmediaciones, en las que es de advertir que se encuentran los castros de San Cibrán y de Eiras, ambos muy romanizados; en la última localidad se hallan con frecuencia tejas, pondus y otros restos que demuestran la existencia de habitaciones romanas". 

Non hai datos arqueolóxicos que confirmen o lugar de aparición da ara de Eiras. Por iso tampouco está datada. A súa ubicación estivo sempre ligada á pequena aldea de Eiras. A súa proximidade ao castro de San Cibrao das Las e Ourantes fainos supor que a aldea de Eiras debeu ser en algún momento dependente política e administrativamente dos moradores na citania de Lámbrica. 

En Eiras, ademais de restos dun mosaico e de tegulae (tellas) romanas, existen uns curiosos perpiaños con decoración reticulada nos muros da igrexa. Non coñecemos a súa función primitiva, pero existen paralelismos moi cercanos no Formigueiro (Amoeiro) e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última, curiosamente, outra villa romana.
CHAMOSO LAMAS escribe en 1954, falando de Eiras:

"(...) en el atrio de cuya iglesia descubrimos en 1946 grandes "tégulas" romanas recogidas allí mismo por el sacristán, que desconocía su importancia; y en el huerto y viña de la casa rectoral, contigua a la iglesia, hallamos los trozos cerámicos de vasijas de tipo indígena, ya romanizado, que más bella y original decoración presentan de cuantos conocemos en Galicia.

Poco más adelante, entre los restos profanados de una "mámoa", recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense."

Parece facer referencia a un establecemento romano de importancia. A "mámoa" que estaba "máis adiante", onde se atoparon os machados de cuarcita, ten que ser A Ermida, lugar de culto ancestral no que tamén se conservan petroglifos e se "enterraron os mouros", segundo asegura a tradición oral da parroquia. No século XVII sabemos que había nese lugar unha capela, en terras propiedade dos donos do Pazo de Eiras, que exercían xurisdición sobre unha boa parte da parroquia.

Tamén temos que facer mención á existencia, a escasos metros ao norte da igrexa, dun monte co microtopónimo O Castro. Existen rumores da aparición, neste lugar, dunha pequena escultura antropomorfa en granito.

Hai autores que, sen fundamento algún, afirman que a ara procede do castro de San Cibrao das Las, pero o certo é que a ara conservouse no xardín do pazo de Eiras desde tempo inmemorial. Non é difícil pensar que a ara estivese no interior dunha capela no monte da Ermida ou das Múas, adicada aos Santos Cosme e Damián. Sabemos que os señores do Coto de Pazo de Eiras tiveron preito co Comendador de Pazos de Arenteiro a finais do século XVII, polos montes das Múas. A ruína por abandono ou a destrución da capela ben poido motivar o traslado da ara aos xardíns do pazo de Eiras, pois eran os mesmos propietarios. Colocáronlle unha bancada de pedra arredor e unha gran lousa, a xeito de mesa, enriba.

As evidencias dunha villa romana (casa de campo) en Eiras dan creto á idea de a ara formase parte desa villa, o que non contradí a súa posible dependencia administrativa ou militar de Lámbrica, se é que aínda non estaba abandoada. 
Despois da publicación de LORENZO FERNÁNDEZ, proseguiron no tempo diversos intentos de interpretación do epígrafe. Algunhas desas lecturas son curiosas pola súa inventiva, pero en todas se considera que figura o nome do castro das Las, tamén castro de Ourantes: *Lansbriga, *Lanobriga, *Alaniobriga... Incluso se chegou a ler *Palambrigensi (VIDÁN TORREIRA)
As anteriores lecturas do posible topónimo non poden ser correctas porque non contemplan o M, exceptuando a lectura de VIDÁN TORREIRA, que ten o mérito de que chegou a ver o M onde anteriores autores leran 'NS' ou 'NO' (*lansbricae, *lanobricae, *ianoelica). 

A lectura que podería proporse é a seguinte:

BANDV
? LAMB
RICAE AE
MILIVS RE
BVRR(I)N V S

A Bandu / ? de Lamb / rica E / milio Re / burrino
(cumpriu o seu voto)

O signo de interrogación indica unha letra ou nexo con dúbidas. A letra 'A' final de BANDV / A que len moitos autores non está moi clara por non ser un 'A' ao estilo das outras do texto. Podería ser ata un 'R', pero tamén podería tratarse dun nexo, abreviatura ou conxunto de letras pouco habitual. A resolución deste enigma podería explicar o problema de concordancia entre BANDVA e LAMBRICAE. De tódolos xeitos, esta dúbida non afecta ao posible topónimo LÁMBRICA.


O topónimo Lámbrica

Ao contrario que *lansbrica, Lámbrica é un topónimo coñecido na Antigüidade, citado por Pomponio Mela. Houbo numerosos intentos de ubicala, con bastante pouco fundamento, en diversos lugares de Galicia e Portugal, pero non hai datos suficientes para asegurar que a cidade citada por este xeógrafo sexa ningún deles. O que parece indubitable é que este topónimo existía en Galicia, sendo susceptible de poderse repetir en lugares distantes. 

Por iso podemos estar case seguros de que tamén debeu servir para denominar a unha cidade fortificada das máis poderosas no Noroeste, a citania da Chaira, entre as actuais parroquias das Las e de Ourantes, se consideramos que BANDVA (?) LAMBRICAE (Bandua de Lámbrica?), na inscrición da ara , se refire a un Bandua diste poboamento castrexo ou da súa área de influenza.

LÁMBRICA ou LAMBRIGA sería logo o nome antigo da citania, e Emilio Reburrino, un posible praefectus pagi ou xefe local, rexentaría, na cercana vila de Eiras, un dos establecementos agropecuarios que tiveron que ser imprescindibles para alimentar á poboación daquela grande citania, na que traballaban a diario, sen acceso directo aos labradíos das veigas de Andrade, Loucía, Eiras e Cristimil, metalúrxicos, orfebres, oleiros, tecedeiros, canteiros e guerreiros.

Aínda que, cando se labrou a ara de Eiras, entre os séculos II e III despois de Cristo, o apoxeo da citania de Lámbrica estaría xa en declive, igual que o estaba o imperio romano, desaparecendo paseniñamente a obriga do culto aos deuses romanos e ao emperador, o que favorecería o rexurdimento de antigas manifestacións de culto netamente lusitanas e galaicas, conservadas durante séculos na memoria daqueles pobos. Pero agora, as elites xa estaban romanizadas, falando e escribindo no idioma do Lacio. Por iso aparecen as adicatorias en latín a deuses da Idade do Ferro, e por iso tamén chegaron a nós, afortunadamente, os nomes daquelas vellas deidades.





Bibliografía

CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones Arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)", en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV, Cuadernos 1-3, 1954-1955. Ministerio de Educación Nacional. Madrid, 1956.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Ed. Galaxia, Vigo, 1982.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense" en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "A ara de Eiras e o topónimo Lámbrica" en Ágora do Orcellón 35. Páx. 17-33. Instituto de Estudos Carballiñeses. Vigo. Xuño de 2019. ISSN 1577-3205. 
PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "A Cidade de San Cibran de Las. Objectivos e resultados das últimas intervencións arqueologicas (1982-1983)", en Lucerna, segunda série-vol. II. Centro de Estudos Humanísticos. Porto, 1987.
RIVAS FERNÁNDEZ J. C.: "Nuevas aras romanas y rectificaciones interpretativas en torno a otros epígrafes galaico-romanos ya conocidos". Boletín Auriense, III. 1973.
RODRÍGUEZ COLMENERO ANTONIO, Galicia Meridional Romana. Univers. de Deusto, 1977.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Aquae Flaviae I. Fontes epigráficas. Univers. de Chaves. 1987.
RODRÍGUEZ COLMENERO A.: "Sobre un supuesto error epigráfico-histórico. Correcciones al ara de Bandua Aetobricus de Codesedo (Ourense) y a otros epígrafes de su amplio entorno". Cuadernos de Estudios Gallegos. Tomo XLVII, Fascículo 113, Santiago 2000.
VIDÁN TORREIRA, M.: "Pambre y el enigma del ara de Eiras", en Nalgures, tomo I. Páx. 335. A Coruña, 2004.



© F. González Iglesias. Outubro de 2018-maio de 2020.
Todos os dereitos reservados. Non está permitida a utilización da información orixinal, textual, audiovisual ou gráfica desta páxina web.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar