Lámbrica
A citania da Chaira, ou dos Chaos,
en San Cibrao das Las (Ourense)
A citania ou civitas de Lámbrica está situada entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, a 12 quilómetros da vila do Carballiño, a vila do río Arenteiro (acaso do deus Arentio?), hoxe capital comarcal.
Pola súa posición xeográfica, controla o camiño entre A Barca (Barbantes-Estación), na ribeira do río Miño, e as antigas zonas mineiras do Puzo do Lago, cerca do Castro Grande de Amarante, e dos montes da Madanela, onde tamén atopamos o castro do Coto de Mosteiro.
A denominación da citania que pervive na tradición oral é O Monte da Cidade.
O termo civitas, do que debe proceder o termo popular "A Cidade", debe aludir á primacía que debeu ter a poboación de Lámbrica na época romana, entre os séculos II antes de Cristo e II despois de Cristo, entre a poboación da contorna, servindo para artellar o territorio e explotar os seus recursos, aínda que esta primacía xa se viría dando dende épocas anteriores ao século II a. d. C.
A citania é coñecida na bibliografía como "Castro de San Cibrao de Las", pero poderiamos concluír que Lámbrica é o seu nome orixinal se consideramos, como fan moitos autores, que o epíteto de Bandua presente na ara de Eiras se refire a ela. O problema é que as lecturas que se fixeron do epígrafe son extremadamente diverxentes e con enmarañada bibliografía, xurdindo así outros dubidosos nomes que tentaron atribuírse ao castro como *Lanobriga, *Lansbriga, *Lansbrica ou *Alaniobriga, cada un cos seus respectivos defensores e adversarios.
Lámbrica, que ben podería ser A Cidade Forte (-briga) de Lam ([tʃan], posiblemente chao ou chaira), posúe un topónimo que describe características orográficas e humanas daquela citania. A característica orográfica é a disposición nunha discreta altura, pero máis ou menos chaira; a característica humana é a fortificación, arrodeando de murallas o outeiro coa finalidade de defensa ou de control militar da contorna. Adquire, entón, pleno sentido o significado do topónimo: "A Cidade Forte da Chaira" ou "A Cidade Forte dos Chaos".
A citania érguese nun outeiro de 469 m. de altitude, unha elevación case chaira na súa cima, por iso as súas inmediacións son coñecidas aínda hoxe polas xentes dos arredores como A Chaira. O termo 'chaira' pode dar lugar a confusión, imaxinándose moita xente un val. Neste caso non se trata dun val, pois son formacións xeolóxicas graníticas moi antigas, de certa altitude e moi erosionadas, o que lle confire o aspecto de pequenas mesetas. Este tipo de formacións pasaron á toponimia e a microtoponimia como Chaos, habendo exemplos na contorna: monte do Chao entre Eiras e Vilar de Rei, O Chao en Barxelas, e en entidades xeográficas próximas, como a comarca dos Chaos de Amoeiro, de idéntica ou similar factura xeolóxica.
FERNÁNDEZ ALBALAT opinaba en 1990 que as dúas raíces que constitúen o topónimo presente na ara de Eiras son aparentemente contraditorias no seu significado: LANON, chaira ou lugar plano, e BRIGA, fortaleza, montaña, elevación (FERNÁNDEZ ALBALAT, 1990, páxina 135). Albalat referíase ao termo *lanobriga, daquela, a lectura de moda da ara de Eiras, pero as súas conclusións non perderían sentido se o topónimo fose Lámbrica.
Se visitamos a citania comprenderemos ben como é posible a existencia dunha fortificación elevada e chaira á vez.
A súa situación no outeiro que divide a dúas parroquias (San Cibrao das Las e Ourantes, pertencentes, respectivamente, aos concellos de San Amaro e de Punxín) fai que sexa xusto chamarlle citania ou castro de San Cibrao das Las e Ourantes. A demarcación ía pola muralla oeste do recinto central do castro, onde aínda se poden ver as penedas con marcas cruciformes que separaban as parroquias. Hoxe, a delimitación municipal parece que foi levada máis cara o leste.
A citania actual parece froito dunha planificación e posible reconstrución de finais da Idade do Ferro, en datas moi achegadas á romanización ou, incluso, unha vez producida ésta. Pero é indubidable que no actual solar do castro houbo presenza do home xa desde épocas máis primixenias. A poucos metros da muralla occidental atopáronse restos do Paleolítico Medio e do Paleolítico Superior que coñecemos polo traballo publicado por ROSA VILLAR QUINTEIRO. Esta autora sostén que a industria lítica de A Chaira está realizada "sobre cuarcitas en forma de nódulos de canto rodado, cuya procedencia más próxima sería el río Miño" (...) e que "presenta un mínimo aspecto de desgaste por rodamiento, pues como mucho la distancia máxima que han podido recorrer es la que media desde la cima, donde se emplaza el castro, a su localización actual y que aproximadamente es de unos 200 m. (...)." Segundo ROSA VILLAR, "la composición tipológica nos señala una industria dominada por el utillaje sobre lasca en el que los denticulados dominan sobre las raederas pero sobre ambos, aparece el utillaje propio del Paleolítico Superior con una frecuencia mayor, en el que se encuentran raspadores, toscos buriles, claros perforadores, además de piezas con retoque abrupto y escasos cuchillos de dorso, siempre atípicos". En total, "se han contabilizado 475 efectivos, sin tener en cuenta diversos cantos rodados y fragmentos de estos, algunos de los cuales pudieron haber desempeñado una función de percutor en la cadena operativa, a juzgar por las zonas de alteración que presentan".
Os restos do Paleolítico nos arredores son bastante frecuentes, aínda que pouco valorados. Foron documentados achados nos Chaos de Amoeiro, nas terrazas do río Arenteiro en Seoane (O Carballiño) ou en Toén, tamén en Ourense. Tamén apareceron ferramentas líticas de cuarcita en Vilar de Rei (Cenlle).
CHAMOSO LAMAS dinos que en 1946, en Eiras, "entre los restos profanados de una 'mámoa', recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense" (Noticiario Arqueológico Hispánico III-IV).
Na parte Sur da actual citania de Lámbrica, tamén fóra das súas murallas, pero a poucas ducias de metros, atopamos unha mámoa, montículo que contivo un pequeno dolmen, cista ou cámara funeraria, construcións cuxa cronoloxía pode abarcar dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce. En concreto, estamos ante unha mámoa de pequeno tamaño, erixida por xentes que andiveron por estes lugares algúns milenios antes de que os poboadores das Idades de Ferro se afanaran en fortificar unha citania.
Outras construcións deste tipo, mámoas, medorras, medelas... foron achadas por toda a comarca. Moitas delas sucumbiron ante a fereza das obras de maquinaria pesada, as violacións dos buscadores de tesouros e o esquecemento xeneralizado da poboación que, aínda así, mantivo na memoria colectiva lendas que tratan de inmortalizar estes máxicos lugares, xa sin sentido para as "avanzadas" civilizacións do século XXI.
Breve descrición da citania de Lámbrica
A fortificación castrexa de Lámbrica forma un grande óvalo, máis ou menos regular, co eixo maior orientado de norte a sur. Este eixo maior mide 452 metros de lonxitude (as medidas son sempre aproximadas). O eixo menor mide 253 metros.
A superficie total do castro é de 9,77 hectáreas, aproximadamente, das que están escavadas máis ou menos un 20%. A titularidade dos terreos é comunal, sendo montes aproveitados tradicionalmente polos veciños daquelas parroquias, aínda que hai que destacar que arredor dun 20% da superficie intramuros, cerca de dúas hectáreas, están aínda repartidas en innumerables parcelas de titularidade privada.
No centro do xacemento érguese un recinto amurallado que ten unha superficie de 0,86 hectáreas, que denominamos como 'recinto central', tamén con forma ovoide e co eixo maior en sentido Norte-Sur.
Para entrar no recinto central hai dúas portas, unha occidental e outra oriental. Antes de entrar nesta última, vindo do exterior, á dereita e fóra da muralla, hai unha curiosa base de monumento con escalinata.
As vivendas da poboación non estaban neste recinto central, polo que se lle supón un uso para actividades de elite ou para reunións comunitarias, de tipo militar, económico (almacén de víveres ou mercadorías) ou relixioso.
Existen paralelismos noutros castros (Chao de Samartín en Asturias, Monte Mozinho en Portugal) nos que o recinto central tiña unha función sacra, cerimonial, comunal ou de elite. En canto ao almacenamento, coñecemos que no cercano castro do Castelo de Laias (ou das Laias), detectouse no seu recinto superior unha secuencia de silos superposta que empeza na I Idade do Ferro.
Chama a atención que a máxima altitude do castro está na porta occidental do recinto central, o que conleva que todo este recinto central quede lixeiramente inclinado cara o Nacente.
No recinto central da citania apareceron algunhas inscricións singulares. Entre elas, temos unha clara alusión á divindade na pedra onde os romanos inscribiron unha adicatoria a un dos principais deuses do seu panteón, Xúpiter: IOVI.
Permanece in situ, soportando bastantes agresións por parte de desalmados que raspan nas súas letras.
Outros epígrafes en granito de Lámbrica foron levados do xacemento polos seus escavadores. Coñecemos dúas pezas -aínda que non sabemos onde se atopan- coas seguintes inscricións respectivas:
SADV / VLAD / VMI / VLE
Unha terceira foi "interpretada" pola arqueoloxía oficial do seguinte xeito:
NA / BIA // ABI / ONE (?)
Trátase dun cipo escrito por dúas caras, na anterior e na posterior, que parece conter iniciais ou abreviaturas, pero non pode confirmarse que sexa unha adicatoria a ningunha deusa, nin moito menos a Navia. Non é un altar nin unha inscrición nunha soa cara. Tampouco sabemos a orde de lectura: se por caras (cal delas primeiro?) ou por liñas, arredor da pedra, sendo esta a máis probable. Na liña inferior, lendo primeiro nunha cara e continuando na oposta, parece que se pode ler BAINE. Bainis era un dos nomes que lle deron os antigos ao río Miño.
É posible que o cipo sexa un sinal territorial ou marcador de distancias. Recordemos que polo medio da citania pasa unha vía terrestre que une o embarcadoiro de Barbantes coas minas do Puzo do Lago e coas serras do Carballiño, onde está o castro de Mosteiro de Lobás.
O recinto medio
O 'recinto medio' da citania de Lámbrica arrodea ao 'recinto central' a xeito de anel, delimitado polas murallas do recinto central e por outra muralla máis exterior.
Neste recinto medio é onde se situaban as vivendas da poboación. A súa superficie é moito maior que o anterior e dispón de diversos grupos de cabanas, chamados "barrios" por influenza da arqueoloxía portuguesa. Trátase de unidades de habitación nas que se atopan as estancias necesarias para o desenvolvemento da vida cotiá dun pequeno grupo humano, seguramente con vínculos familiares: lareira, almacén, pequenos obradoiros ou estancias diversas, dependendo das actividades económicas e do tamaño do grupo que as habitou.
Polo sector suroccidental ou suroeste existe un terceiro recinto pechado por outra muralla máis exterior que poderíamos denominar como 'recinto exterior'. Esta terceira muralla só é visible nunha lonxitude duns 400 metros, aproximándose á muralla do recinto central claramente no sector sur, onde se xuntan as dúas formando unha especie de trampa, cerrándose ao modo dos foxos de lobo, que podería constituír un elemento defensivo, ou a xeito de fondo de saco, para acurralar a grupos atacantes procedentes da porta occidental. A anchura deste foxo ten, aproximadamente, 10 metros, pero chega ós 24 diante da porta occidental ou porta principal. Cara o suroeste, nesta muralla máis exterior, existe outra porta máis estreita e menos monumental que a principal.
As saídas monumentais oriental e occidental da citania de Lámbrica teñen continuidade nunha vía de comunicación principal que parte da ribeira do río Miño, no lugar da Barca, actual Barbantes-Estación. Esta vía, da que se conservan algúns tramos lousados, sobe polo monte do Santorcado ata Ourantes e, dende alí, chega ata a citania de Lámbrica, entrando nela pola porta oriental.
A saída occidental de Lámbrica diríxese cara o noroeste, iniciando unha máis que posible ruta que levaría ás minas do Puzo do Lago, pasando por Cristimil, Figueiroa e Santa Comba do Treboedo. Unha prolongación desta ruta levaría ás minas de Loureiro e Lobás, entre O Carballiño e O Irixo.
A actual citania de San Cibrao das Las ou Lámbrica constitúe un castro con posible planificación tardía sobre un xacemento anterior. O urbanismo é notable, sendo destacables as rúas que comunican os lados maiores do óvalo, onde se sitúan as portas do castro, coas portas do recinto central, percibíndose unha planificación radial do resto das rúas do poboado, sempre no recinto medio. Parten dunha rúa anular que circunda o recinto central pola súa parte máis externa e desembocan noutra rúa periférica ou anular que arrodea ao recinto central, pola parte interior da muralla máis exterior que o pecha.
A disposición das vivendas é a antítese da disposición hipodámica das cidades romanas e dos seus campamentos militares. Semella que as elites tradicionais de Lámbrica tiveron algunha influenza na reconstrución da citania, pois moitas das obras correspóndense, segundo os arqueólogos, con datacións coincidentes coa romanización, entre os séculos I antes de Cristo e I despois de Cristo. Por iso hai que ter moita precaución cando se fala de "castro romanizado", pois pode conducir a confundir Lámbrica cunha cidade romana. A citania de Lámbrica é un castro nun ámbito rural, que mostra febles signos de aculturación romana, pero sin as características urbanísticas que por esas datas se producen noutras cidades do Imperio.
Aínda hoxe son visibles certas manifestacións de urbanismo, como a disposición radial das rúas ou as canles de evacuación, trazadas para evitar a chegada de augas pluviais e residuais aos lugares de habitación e aos obradoiros, favorecendo a súa circulación monte abaixo.
Toda acumulación de poboación necesita auga para a supervivencia. Sabemos da existencia en Lámbrica, cando menos, de dúas fontes. Unha delas, a máis monumental e coñecida, ten planta absidal e escaleiras e está situada dentro da muralla no sector oeste do recinto medio, no "recinto" onde habitaba a poboación de Lámbrica. Presenta unha complicada disposición de muros, posiblemente froito de diversas reconstrucións, e posúe unha saída directa de auga cara o exterior da muralla para evitar inundacións nas invernías. Tense catalogado como fonte-alxibe, aínda que un observador estival poderá apreciar que se trata dunha auténtica fonte, xa que nunca seca, tal e como corroboran os máis vellos daquelas terras.
O outro acuífero que se coñece está situado no sector sur, pero extramuros, moi cerca da confluencia das dúas murallas occidentais que se xuntan nese lugar (formando o fondo de saco ou foxo do lobo do que se falou máis arriba).
Non está clara a procedencia da súa auga, xa que parece non ter nacente e seca no período estival, por iso é máis propiamente un alxibe que unha fonte. Ten unha disposición irregular, escaleiras moi rudimentarias e bastante profundidade, con case tres metros. Ademais, dende a confluencia das dúas murallas ata o alxibe hai unha altura considerable.
A súa utilización como "fonte" polos habitantes intramuros non parece lóxica, pois nin xiquera se aprecian saídas ou portas. É posible que as súas augas procedan dun manancial, aínda por descubrir, no sector sueste do recinto medio, no interior da citania, onde vivía unha parte da poboación.
As vivendas do recinto medio agrúpanse nos chamados núcleos de habitación ou barrios, lugares nos que se distribúen cabanas, nas que se identificaron usos diversos. Todas as cabanas de cada grupo dan a un lugar común, a modo de patio, polo que se considerou que constituían núcleos habitados por un grupo familiar. Nas épocas de maior poboación, a citania puido albergar entre 1.800 e 2.200 habitantes no interior das súas murallas.
Entre os materiais recuperados nas escavacións hai instrumentos da vida cotiá, como as pesas de tear (pondus), fusaiolas (utilizados nos labores téxtiles) e muíños circulares de granito. Tamén é frecuente a aparición de escouras de mineral de ferro, residuos de fundición nos talleres locais. Pero o máis abundante nas escavacións son os restos de cerámica, con pezas de procedencia tanto local coma foránea, o que indica relacións de intercambio. Entre estas últimas, destacar a existencia de grandes recipientes para transporte de produtos coma o viño ou o garum (salsa de peixe), pero tamén vaixelas finas de mesa, como as de cerámica sigillata. Outros achádegos que aparecen con asiduidade son pezas de adobío persoal, doas de vidro, alfinetes, fíbulas, prendedores de pelo... Destacar finalmente a aparición dalgunha moeda de época romana. RODRÍGUEZ COLMENERO, en 1977, basándose en CUEVILLAS citaba as seguintes:
- Gran bronce de Augusto
- Denario da familia Iulia
- Gran bronce de Emérita coa lenda borrada
- Denario da República
- Mediano bronce de Cascantum.
As funcións da Cidade
A acumulación de poboación non permitiría o exercizo adecuado de actividades agropecuarias, tampouco a altitude nin o tipo de solo da citania. Sábese que a poboación galega xa consumía dende o Neolítico certos tipo de verduras e cereais, para o que se requiren terras adecuadas e suficientemente húmidas, moi especialmente no caso das verduras.
A abundancia de muíños de man que aparecen nos castros, particularmente en Lámbrica, fai pensar nunha actividade cotiá e normalizada de consumo de cereais e, tendo en conta que este tipo de cultivos non son posibles no alto da citania, é razoable darlle á contorna da Cidade a capacidade de abastecemento de alimentación á citania, que podería ser obtida polos habitantes de Lámbrica a xeito de tributo.
RODRÍGUEZ GRACIA, nun artigo en PDF publicado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense titulado "Semillas. Castro de Trelle", fala de que no "desaparecido castro de Laias" documentouse a chegada "á fase de acumulación de excedentes, superando a de autoconsumo" xa na Idade do Ferro. Os excedentes serían xestionados por grupos sociais privilexiados, contribuíndo a aumentar a diferenciación social. Continúa a dicir:
"En Laias aparecen fosas y estructuras complejas de almacenamiento (para Triticum aestivum spelta, Panicum miliaceum y Vicia faba) datadas en el Hierro II (o en la transición a la ocupación romana). Se trata de silos rectangulares de 1-1,5 m, con fondo de madera o corteza y paredes de vegetales trenzados, recubiertos de arcilla. Estas acumulaciones revelan una importante centralización de recursos, con redistribución en el territorio, con una estructura política, dirigida por una élite. Tiene sus paralelos en los poblados fortificados británicos e irlandeses (ej. en el yacimiento de Danebury). El castro fue destruido al realizar el trazado de la autovía A-52 en la década de los 90 del pasado siglo".
(V. Rodríguez Gracia. Outubro 2018)
É dicir, que xa na Idade do Ferro se detectan certos cultivos que non son posibles no alto dos montes, senon só nas terras baixas. E non só nos fala de cultivos, senon tamén da forma de conservalos, en almacéns de madeira trenzada, que ben poderían ser os antecedentes máis lonxanos dos actuais cabaceiros ou hórreos.
Lámbrica, que debeu xurdir, orixinariamente, nese mesmo período, tivo que obter, necesariamente, os alimentos das terras circundantes para a manutención dos habitantes que había dentro das murallas, almacenando seguramente os excedentes en construcións ou silos dos que, por desgraza, aínda non sabemos nada, pero que ben puideron ubicarse no recinto central, onde estarían controlados polas elites do poboamento.
Dentro da citania, as actividades que máis restos deixaron son as de transformación en obradoiros (teares, ferrarías, ourivería e cerámica, entre outras).
A súa situación no alto dun outeiro cunha ampla visibilidade tamén fai supor unha función de control sobre o territorio, que conlevaría tamén a función defensiva ou militar, á que poderíamos engadir a función relixiosa.
Nos arredores existen vestixios de antigos traballos mineiros relacionados co ouro e co estaño, pero o agotamento obrigaría á procura dos filóns minerais a certa distancia. Toman sentido así os restos mineiros da comarca do Carballiño, moitos deles mantidos no recordo co topónimo Grova. É o caso do Puzo do Lago e das minas nos montes da Madanela. Así, a Cidade de Lámbrica requiría manter a posición de cidade forte, ben situada no outeiro da Chaira e con amplo control territorial, complementado co punto de vixía no pequeno castro do Santrocado, ambos situados xusto por onde pasaba a vía de comunicación terrestre que unía os centros mineiros do Carballiño, Maside e O Irixo coa ribeira do Miño.
O control territorial sobre as actividades agropecuarias e mineiras da contorna, a realización de actividades terciarias de transformación, comercio ou troco, defensa e, seguramente, de dirección relixiosa da poboación dos arredores, serían as causas da acumulación de poboación e de excedentes que fixeron posible o crecemento da citania de Lámbrica. O comercio ou troco utilizaría a vía terrestre principal que entra no castro pola porta occidental, dende o Puzo do Lago e as terras do Carballiño, e sae pola oriental en dirección ao embarcadoiro no río Miño.
Trala conquista romana, estas capacidades de control e explotación dos recursos do territorio, particularmente do ouro, serán aproveitadas polos novos amos (ou polos antigos, cando se fan amigos dos invasores), trocando os deuses e o idioma dos habitantes destas terras, pero continuando nas actividades cotiás cos mesmos traballos de sempre.
Algo da arte na citania de Lámbrica
No Boletín da Real Academia Galega número 169 (A Coruña, 1 de marzo de 1925, páxina 13) aparece un debuxo de FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS. O artigo no que se inserta, tamén de Cuevillas, titúlase "A citania do monte 'A Cidade' en San Ciprián das Las (Concrusión)".
Segundo manifesta o seu autor, o debuxo corresponde a unha pedra de anel, unha cornalina oval de 11 por 7 milímetros, que ten gravada "fondamente a figura d'un cuadrúpedo d'identificación pouco doada no que cicais se poda recoñecer a un cáprido".
Parece claro que é un cuadrúpedo e que camiña por onde hai auga. As súas orellas son longas, aínda que poderían tratarse de cornos, pero o seu fuciño, tamén excesivamente longo, fai pensar nun cánido. O que máis se lle parece é O Urco, un animal fantástico de porte grande e aspecto canino, que vive nas beiras de ríos ou do mar e que se relaciona co outro mundo.
Podería tratarse dun selo utilizado en moitos pobos antigos para darlle autenticidade a documentos, o que nos estaría a falar dunha vida administrativa esperada nun xacemento do calibre do castro de Lámbrica, do que sospeitamos movementos de intercambio a través da ruta fluvial do Miño cara o Atlántico, relacionados coas explotacións mineiras da contorna e coa máis que probable importación de sal. Descoñecemos onde está este fermoso anel.
En Lámbrica son máis abundantes e coñecidos os achados en pedra. Cabe falar primeiro dun fragmento de relevo realizado en granito, posiblemente parte dun friso, que apareceu nunhas escavacións en 1982.
Nun raio de 6 quilómetros coñecemos diferentes relevos castrexos reutilizados en vivendas e capelas: Anllo (San Amaro), O Formigueiro (Amoeiro), Fontefría (Amoeiro) e San Xiao, tamén en Amoeiro. Nun lugar máis alonxado, pero aínda dentro da mesma provincia, podemos atopar motivos idénticos aos do castro de Lámbrica na capela de Fondo de Vila de Xunqueira de Ambía.
En escultura exenta destacan dous antropomorfos aparecidos en 2004. A un deles fáltalle a cabeza, tendo os brazos cruzados e as palmas das mans sobre o ventre. Podería tratarse de deidades femininas relacionadas habitualmente co culto á fertilidade, existindo paralelismos deste tipo de representación noutros castros do Noroeste (Briteiros, por exemplo).
O segundo antropomorfo aparecido na ladeira oriental de Lámbrica, na parroquia de Ourantes (Punxín), de factura pouco elaborada, ten a boca entreaberta con ollos grandes, carecendo de extremidades inferiores. Coa man esquerda parece tocar o peito dereito, situando a súa man dereita no baixo ventre ou na zona xenital. Descoñecemos se existe intencionalidade, pero o tronco da figura tamén semella ter forma de cabeza humana, con expresión burlona ou de sátiro. Para apoiar esta hipótese podemos destacar a distinta fisionomía de cada unha das mans da "deusa". A esquerda remata cunha man en forma de bola, que ten no peito, pero a man dereita remata de xeito que simula a boca do "sátiro".
Esta escultura seica apareceu reutilizada como elemento construtivo, formando parte dun paramento, o que indica que cando se construíu o muro xa perdera a súa función representativa ou relixiosa. O dato ten a súa importancia, pois pode indicar que houbo unha reconstrución dun castro anterior, o que parece corroborar a perfecta planificación de toda a citania e as repetidas datacións que manexan os arqueólogos coincidentes co cambio de Era.
Tamén sabemos da existencia dunha cabeza labrada, de quince centímetros, nun bloque de granito de 44 por 50 centímetros, da que nos informa CALO LOURIDO, que foi atopada nas escavacións de 1982.
En outubro de 2016 apareceu nas escavacións unha nova cabeza de pedra, un bloque alongado de granito cunha figura de testa nun dos extremos, unha "figura tosca", segundo rezan os titulares da arqueoloxía oficial na prensa local. Parece moi lóxica a súa primixenia colocación embutida nunha parede, coa cabeza cara o exterior. Foi levada do xacemento e... non é fácil atopar fotografías.
Non podemos esquecernos do fermoso e ben traballado tríscele, ou trisquel, descuberto nas escavacións de X. Lorenzo Fernández en 1948, que formaba parte do sollado dunha construción "angular" do recinto central, na zona máis alta da citania. Outra peza de interese é unha "roseta de 6 pétalos circundados por unha moldura lisa", atopada por López Cuevillas en 1922.
Na escavación de outubro de 2016 apareceu unha peza de granito que ten labrado un tríscele de follas dobres, que poderíamos definir como hexasquel. Nesa mesma campaña tamén atoparon un curioso tríscele pintado na xamba dunha ventá. Tampouco é fácil, máis ben é imposible, obter imaxes.
Citar, finalmente, os petroglifos inéditos e as posibles pinturas esquemáticas en penedas moi cercanas á citania, aínda que fóra das murallas.
Patrimonio inmaterial
Coñecemos nesta citania de Lámbrica, por tradición oral, a presenza de dúas trabes, unha de ouro e outra de alcatrán, que había debaixo do monte. Tamén temos referencias populares á Silla do Rei e á moura, semellantes ás repetidas noutros castros galegos.
Cuevillas e Bouza Brey recolleron e publicaron unha lenda en 1929. O informante era Segundo González de Eiras. Di así:
"N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca".
Outra lenda, tamén escoitada en Eiras, falando do Castro Martiño, un castro inmediato á aldea de Xinzo:
"Existía unha mina onde había unha serpe tan longa que cheghaba ata a cima da Cidade, pero a Cidade para eles era o Coto do San Trocado".
É moi curiosa, e tamén descritiva, esta aclaración, pois dalle ao castro do Santrocado a mesma categoría que á Cidade de Lámbrica, polo que non é difícil imaxinar que ambos castros formasen parte da mesma entidade política ou administrativa, a civitas que controlaba un amplo territorio mineiro. A maior altitude do Santrocado permitiría un maior control visual da contorna, moi especialmente polas ladeiras meridionais. Nesta parte atópanse o val do Miño e zonas mineiras, que non son visibles desde o recinto da citania de Lámbrica. Ambos castros compleméntanse, polo que podemos pensar que, en máis tempo do que se pensa, tiveron que ter ocupación de xeito simultáneo.
Fotogalería de Lámbrica
Bibliografía
ÁLVAREZ GONZALEZ Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ L.; FERNÁNDEZ GÖTZ,M.; GARCÍA QUINTELA, M.: "El oppidum de San Cibrán de Las y el papel de la religión en los procesos de centralización de la Edad del Hierro", en Cuadernos de Prehistoria y Arqueología 43. 2017. Pp. 217-239. Universidad Autónoma de Madrid. ISSN 0211-1608, ISSN Dixital: 2530-3589.
ÁLVAREZ GONZALEZ, Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ, L.F.; LOPEZ MARCOS, M.A.; LÓPEZ BARJA DE QUIROGA, P.: "Dos inscripciones inéditas del Castro de San Cibrán de Las (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Paleohispánica 4, (2004). ISSN 1578-5386, páxs. 235-244.
ÁLVAREZ GONZALEZ, Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ, L.F.; LÓPEZ MARCOS, M. A: "A ocupación do espazo común e privado na citania de San Cibrán de Lás" en Ágora do Orcellón, 26. Instituto de Estudios Carballiñeses. Vigo, decembro 2013.
ARIZAGA CASTRO, A.; FÁBREGA ÁLVAREZ, P.; AYÁN VILA, X.M.; RODRÍGUEZ PAZ, A: "A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense-Galicia)" en Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, 2005. Páx. 87-129. ISSN 0210-847 X.
BALBÍN CHAMORRO, P. y otros: "Lo que el viento no se llevó: Interdisciplinariedad, metodología y práctica para el estudio de la Hispania céltica" en R. Sainero (coord.): Pasado y presente de los estudios celtas. Fundación Ortegalia-Instituto de Estudios Celtas. Pp. 94 e 95. A Coruña, 2007.
BANDE RODRÍGUEZ, E.: La romería de San Torcuato. Caixa Rural. Ourense, 1984.
CALO LOURIDO, F: A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa. F. Pedro Barrié de la Maza. Tomo I, páx. 438. A Coruña, 1994.
CASTRO PÉREZ LADISLAO: Sondeos en la arqueología de la religión en Galicia y norte de Portugal: Trocado de Bande y el culto jacobeo. Universidade de Vigo. 2001.
CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en San Cibrán de Lás (Orense)". en Cuadernos de Estudios Gallegos, IX. 1954. Santiago de Compostela. Páxs. 406-410.
CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán de Lás y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)", en Noticiario Arqueológico Hispánico, III-IV (1953-1954). Madrid. Páxs. 114-130.
FARIÑA BUSTO, F.; FERNÁNDEZ BAL, M.L.: "A Cidade de San Cibrán de Lás (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Arqueoloxía-Informes, 1. Campaña 1988. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989. páxs. 74-76.
FARIÑA BUSTO, F.; XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto de San Trocado (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Arqueoloxía-Informes 2. Campaña 1988. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.
FARIÑA BUSTO, F.: "A especificidade dos procesos de consolidación e restauración dos monumentos arqueolóxicos. A intervención nos castros da Cidade de San Cibrán de Lás, Castromao e Cidade de San Millán (Ourense)", en Cadernos de área Arte/Comunicación, 1, 1983. Sada. Páxs. 51-53.
FARIÑA BUSTO, F.; ROMERO MASIÁ, A.: "Las, San Cibrán de" en Gran Enciclopedia Gallega, s/d, tomo XVIII, p. 235.
FERREIRO DIZ, ORIA et al.: "Minería aurífera romana y poblamiento en la cuenca media del río Miño" en Investigaciones arqueológicas en el valle del Duero: del Paleolítico a la Edad Media. Actas de las V Jornadas de Jóvenes Investigadores del valle del Duero. Valladolid, 2017. ISBN 978-84-946124-0-4, págs. 296-311
GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B.: Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas. Edicións do Castro. Sada, A Coruña, 1990.
GARCÍA QUINTELA, V; SANTOS ESTÉVEZ, M: "Alineación arqueoastronómica en A Ferradora (Amoeiro-Ourense)" en Complutum 15, Madrid, 2004.
GARCÍA QUINTELA, V; SANTOS ESTÉVEZ, M:"Arte rupestre y santuarios", en Semata 14. Univ. de Santiago de Compostela. 2003.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "Os petroglifos da Ermida en Eiras, solsticios e territorio". Ágora do Orcellón 18. Páx. 32-45. Vigo. Xullo de 2009. ISSN 1577-3205.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "A ara de Eiras e o topónimo Lámbrica" en Ágora do Orcellón 35. Páx. 17-33. Instituto de Estudos Carballiñeses. Vigo. Xuño de 2019. ISSN 1577-3205.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.; BOUZA BREY, F.: "Os Oestriminios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza", en Arquivo do Seminario de Estudos Galegos, II, 1929.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Ed. Galaxia, Vigo, 1982.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.: La civilización céltica en Galicia . Istmo. Madrid. 1989.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "O castro A Cibdade en San Ciprián de Lás", en NÓS 10, Ourense, 1922.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A citanea do monte 'A Cidade' en San Ciprián de Lás'", en Boletín da Real Academia Gallega, XIV, 1923-1924, páxs. 201-305.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A citanea do monte 'A Cidade' en San Ciprián de Lás'", en Boletín da Real Academia Gallega, XV, 1925-1926.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A citanea do Monte 'A Cidade' en San Ciprián de Lás'", en Boletín da Real Academia Gallega, XVII, 1927-1928, páxs. 201-305.
LÓPEZ GONZÁLEZ, L. F.; ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.: "La secuencia cultural del castro de Laias: evolución espacial y funcional del poblado", en Proto-historia da Península Ibérica. Actas do III Congreso de Arqueología peninsular. ADECAP, V: 523-230. Porto. 2000.
LÓPEZ GONZÁLEZ, L. F.; LÓPEZ MARCOS, M.A.; ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.: "Definición y recuperación de estructuras en el Castro de San Cibrán de Lás", en Cuadernos de estudios gallegos, 117, (2004). ISSN 0210-847X, T. 51, páxs. 79-113.
PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "Informe sobre las excavaciones arqueológicas de A Cidade de san Cibrán de Lás (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Noticiario arqueológico Hispánico 22. Madrid, 1985.
PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "Un singular resto arquitectónico en A Cidade de San Cibrán de Lás (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Portugalia. Nova sèrie, VI/VII. Porto, 1985.
PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: " A Cidade de San Cibrán de Lás. Objectivos e resultados das últimas intervencións arqueolóxicas", en Lucerna. Sèrie II. Porto, 1987.
PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "San Amaro" en Gran Enciclopedia Gallega, s/d, tomo XXVII, p. 192.
RODRÍGUEZ CAO, C., XUSTO RODRÍGUEZ, M.; FARIÑA BUSTO, F.: A Cidade. San Cibrán de Lás. Colección Guías do Patrimonio Cultural. Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo Arqueolóxico de Ourense. Fundación Caixa Galicia, 1992. ISBN 84-88522-00-2.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. 1977.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Aquae Flaviae I. Fontes epigráficas. Universidad de Chaves. 1987.
RODRÍGUEZ COLMENERO A.: "Sobre un supuesto error epigráfico-histórico. Correcciones al ara de Bandua Aetobricus de Codesedo (Ourense) y a otros epígrafes de su amplio entorno". Cuadernos de Estudios Gallegos. Tomo XLVII, Fascículo 113, Santiago 2000.
RODRÍGUEZ CORRAL, J.: A Galicia castrexa. Ed. Lóstrego. S. de Compostela. 2009.
VIDÁN TORREIRA, M.: "Pambre y el enigma del ara de Eiras", en Nalgures, tomo I. Pág. 335. A Coruña, 2004.
VILLAR QUINTEIRO, R.: "El yacimiento paleolítico de A Chaira, San Cibrán de Lás (Ourense)" en Boletín Auriense, t. XXIX. Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense, 1999.
Lámbrica, Talábriga y la campaña de Junio Bruto
El presente relato no pretende, ni mucho menos, identificar la Lámbrica de los textos con la citania de San Cibrao das Las y Ourantes. No obstante, puede darnos una idea de la situación que se vivió en los castros noroccidentales de la Península Ibérica, justo antes del establecimiento de los romanos, que también pudo reproducirse en la propia Lámbrica a orillas del Miño. No olvidemos que, según los textos clásicos, Junio Bruto llega hasta el Miño y después se dirige hacia el océano. ¿Por qué no siguió hacia el norte? Estamos en los años treinta del siglo II antes de Cristo...